Servicios Informáticos de Investigación
Martes, 9 Febreiro
edición Febreiro
Información
Atención ó Usuario
Rede
Sistemas
Servicios de ...
Telefonía
Videoconferencia
Sistemas | Correo | Listas de correo

Neste documento descríbense as listas de correo da Universidade de Vigo, indicándose a súa finalidade, a forma de acceder a elas e os termos e condicións de uso.

As condicións indicadas neste documento, así como as listas ou as súas características poden estar suxeitas a cambios. En caso de ser así estes serán reflectidos neste documento.

As listas de correo da Universidade de Vigo ríxense polas mesmas normas cás contas de correo, normas que se especifican no documento sobre Condicións e termos de uso do correo electrónico.

Por outra parte, dada a natureza das listas de correo, e ó xenerárense milleiros de correos para algunhas delas, para axilizar todo o posible o funcionamento das listas téñense as seguintes limitacións nas mensaxes enviadas ás listas.

    Cada unha das listas creouse cun propósito determinado. Non se deben enviar a unha lista mensaxes que non respondan ó propósito desta. En caso de que isto ocorra reiteradamente o administrador das listas tomará as medidas pertinentes, como pode se-la eliminación do remitente das listas de correo.

    Non se admite o envío de mensaxes ofensivas ou que poidan contravi-las indicacións dadas no documento sobre Condicións e termos de uso do correo electrónico.

    Non se admite o envío de mensaxes persoais ás listas de correo.

    Recoméndase que, en caso de listas con subscrición aberta, os usuarios/as que se subscriban a elas utilicen enderezos de correo no propio servidor de correo correo.uvigo.es (enderezos do tipo usuario@uvigo.es) ou cando menos en servidores de correo que teñan unha dispoñibilidade aceptable.

    No caso de que non sexa así, se por algún motivo (o servidor externo non se pode acadar, a conta do usuario/a no servidor remoto foi bloqueada, borrada ou se excedeu do espacio asignado no disco, por poñer uns exemplos) os correos a un usuario/a dunha lista de correo que utilice un enderezo de correo nun servidor externo son devoltos repetidas veces, se lle enviará un correo de aviso ó usuario/a e procederase a borrar temporalmente esta conta da lista de correo.

    O tamaño máximo das mensaxes para enviar ás listas, agás que se indique o contrario, é de 50000 bytes. Esta limitación só é efectiva para as listas de correo, para mensaxes de correo a particulares é maior (ve-la documentación correspondiente sobre o servicio de correo). Isto faise co propósito de evitar mensaxes de grande lonxitude, especialmente con ficheiros adxuntos (attachments).

    Recoméndase envia-las mensaxes ás listas en texto plano, procurando evita-lo envío de mensaxes con formato HTML, especialmente no caso de que conteñan gráficos. É especialmente importante evitar enviar mensaxes como HTML e texto plano simultaneamente. Isto fai que as mensaxes das listas sexan moito máis grandes, o que en caso de listas con milleiros de usuarios/as convírtese nun serio problema.

    Recoméndase que se procure non enviar correos con ficheiros adxuntos ás listas de correo da Universidade de Vigo. Se se desexa facer chegar un ficheiro a unha ampla lista de usuarios/as o método que se debe seguir é o que segue:

      Conectarse por FTP ó servidor de ftp público da Universidade de Vigo, ftp.uvigo.es, con usuario/a anónimo e depositar no directorio /incoming o ficheiro.

      Avisar ó administrador do ftp para que examine o ficheiro e, se o considera oportuno, o mova a unha ubicación dende a que os usuarios/as poidan baixa-lo ficheiro.

      Este avisará ó usuario/a da ubicación deste ficheiro no ftp da Universidade de Vigo, de xeito que este só ten que enviar unha mensaxe á lista desexada indicando esta ubicación.

En caso de problemas coas listas de correo pode poñerse en contacto co servicio de atención ó usuario/a ( SAUM) ou co administrador do correo de uvigo.es, no enderezo admon-listas@uvigo.es

[arriba]

Utilización das listas de correo

Uso das listas de correo (altas, baixas, etc.)
Listas de correo asociadas a grupos de news
Solicitude de creación de novas listas de correo
Listas de utilidade non xestionadas pola Universidade de Vigo

[arriba]

Uso das listas de correo (altas, baixas, etc.)

Para darse de alta, baixa ou modificar as súas opcións de subscripción a unha lista é preferible que empregue, por comodidade, o interfaz web existente no servidor de listas de correo. Pode acceder a esta interfaz web na páxina http://listas.uvigo.es.

Poden descargar o manual de uso das listas de correo dende esta páxina.
Neste manual descríbese tanto o uso do interfaz web como do interfaz basado en correos, aínda que recomendamos o uso do primeiro por ser moito máis sinxelo.

[arriba]

Listas de correo asociadas a news

Algunhas listas de correo teñen asociado un grupo de news no servidor news.uvigo.es, de forma que cando unha mensaxe é enviada á lista de correo é publicada ó mesmo tempo no grupo de news correspondiente e viceversa (cando se publica unha mensaxe no grupo de news distribúese tamén os membros da lista de correo).

Estos grupos de news son os seguintes:
es.uvigo.avisos: asociado a avisos@uvigo.es
es.uvigo.comunidade: asociado a comunidade@uvigo.es
es.uvigo.imasd: asociado a imasd@uvigo.es
es.uvigo.inforede: asociado a inforede@uvigo.es
es.uvigo.proba: asociado a proba@uvigo.es

Debido á forma en que se pasan as mensaxes das listas de correo ás news hai que ter a precaución de que, ó enviar unha mensaxe a mais dunha das listas de correo indicadas anteriormente (por exemplo se un quere enviar unha mesma mensaxe a avisos@uvigo.es e a comunidade@uvigo.es) non enviar un correo dirixido a ambas listas, é preferible enviar un correo a unha das listas e a continuación outro correo co mesmo contido á outra lista, xa que en caso contrario a mensaxe só será publicada no grupo de news ó que chegue en primeiro lugar. Esperamos que esto sexa un problema temporal, cando esté arranxado o indicaremos nesta mesma páxina.

[arriba]

Solicitude de creación de novas listas de correo

Pódese solicitar a creación dunha nova lista de correo enviando o formuarlio correspondente por correo interno ó Servicio de Atención ó Usuario (SAUM), na Biblioteca Central. Este formulario atópase aquí.

Polo xeral as novas listas de correo serán administradas (altas e baixas de usuarios) polo solicitante ou pola persoa que este indique no formulario de solicitude de nova lista de correo.

Para obter máis información sobre cómo administrar unha lista de correo pode consultar este documento (en texto plano). As condicións de uso da lista, o contrasinal usado para xestionala e as instruccións adicionais que sexan necesarias serán comunicadas ó responsable ou responsables da lista por parte do administrador das listas de correo cando a lista sexa creada.

A administración das novas listas de correo correrá, sempre que sexa posible, a cargo do solicitante da lista ou da persoa que se indique no formulario de solicitude de nova lista de correo.

En caso de dúbidas pode consultar ó administrador do servicio de listas de correo, admon-listas@uvigo.es

[arriba]

Listas de utilidade non xestionadas pola Universidade de Vigo

Existen diversas listas de correo que poden ser de interese nas distintas institucións da comunidade académica. Entre as de máis interese están dúas listas xestionadas por RedIris:

OFER-TRABEC
En esta lista, xestionada por RedIris, distribúense ofertas de traballo público, becas, axudas, premios, programas de investigación, etc. Entre as ofertas distribuidas están as do MAP (Ministerio de Administraciones Públicas) así como as de diversos centros da comunidade académica. Para obter máis información sobre OFER-TRABEC, pulse aquí.

DISEVEN
En esta lista, xestionada por RedIris e o CICA, distribúese información de congresos, seminarios, xornadas, conferencias, etc. Permite recibir eventos, seleccionando os tipos de eventos que se desexa recibir. Permite tamén distribuir eventos na lista. Para obter máis información sobre DISEVEN, pulse aquí.

[arriba]